Monday 23 de September de 2024

Tempos para compartir


Hoxe estivemos aprendendo con Kevin Lorenzo e Ángela Arnosa un xeito distinto de reflectir o paso do tempo a través da fotografía. A proposta do taller foi a de coller unha foto antiga que tivese un certo significado para as persoas participantes, ir ao sitio en que se tomou e volver sacala de novo co mesmo punto de vista, encaixando na escena a imaxe antiga.
A técnica, que ten a súa complicación, permitiulles sacar fotos que, cunha única ollada, ofrecen unha perspectiva única sobre como cambiaron co paso dos anos tanto os lugares como a xente.
O obradoiro de hoxe, o primeiro desta temporada do ciclo Tempos para compartir, servirá de base para unha exposición colaborativa que vai organizar a área municipal de Igualdade con motivo do 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais.
Quen queira participar só ten que enviar fotos con esta técnica, ademais dun título, o lugar e ano en que se tomou a imaxe antiga (se se sabe) e unha pequena descrición da escena e do seu significado persoal. As imaxes -en .jpg e con resolución que permita imprimilas con certa calidade- haberá que envialas ao correo oriana.lopez@sansadurnino.gal antes do 8 de outubro.

Deja un comentario